Friday 03 de May de 2024

A ministra de Turismo visita o posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión


A delegación coruñesa na feira, encabezada polos chefs Sheila Barbeito e Gonzalo Cotelo, mostrou a Reyes Maroto a oferta gastronómica da cidade

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, visitou esta mañá o posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión. No seu percorrido polo Instituto Feiral de Madrid, a titular de Turismo puido coñecer de primeira man a oferta gastronómica que A Coruña presenta estes días na capital, así como saudar á delegación coruñesa presente no evento, encabezada pola cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, e Gonzalo Cotelo, do Restaurante Morriña. A ministra destacou a calidade e a innovación das propostas da Coruña en Madrid Fusión no posto de Saborea A Coruña, en presenza da presidenta de Saborea España, Susi Díez, e do presidente de Hostalería de España, José Luis Yzuel.

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, continúa coa presentación da súa oferta gastronómica na feira internacional Madrid Fusión, que empezou onte e terminará mañá. O Goberno de Inés Rey, que expuxo en Fitur a súa oferta cultural e de lecer para este ano, completa a presentación do potencial turístico da cidade en Madrid neste evento gastronómico cunha importante proxección tanto nacional como internacional.

Na xornada de hoxe, tras empezar o día con Larpeira de Amasarte e Infusións Orballo no posto da Coruña, La Empanada Viajera ofreceu ao público empanada de xouba. Sheila Barbeito, chef de Roots (Premio Picadillo á mellor tapa creativa 2022), encargouse do Taller de tapas: Lacónicas “Gyozas Lacónicas” e Gonzalo Cotelo, chef do Restaurante Morriña (gañador do Concurso de Tapas Picadillo en 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa en categoría maridaxe), explicou ao público “a tosta de San Xoán”: sardiña afumada sobre broa e marmelada de pemento de Acastrexa.

O día completarase con Lacón con grelos e chourizo e, xa pola tarde, Torta de Améndoa de Amasarte e Conservas Coruñesas La Pureza maridadas con viños de Adegas Bordel, seguindo o programa de degustacións, talleres e demostracións en directo que nesta edición leva A Coruña a Madrid Fusión.
Durante os tres días de Madrid Fusión ofrécense no posto de Saborea A Coruña produtos da Lonxa da Coruña, Adegas Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Vermut ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, Infusións Orballo, Bonilla a la vista, La Empanada Viajera e Amasarte.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.